Chomsky non vai morrer

Alguén matou a Noam Chomsky o martes pasado. Non literalmente, pero si coa suficiente transcendencia para que o mundo comezase a chorar a súa perda. A nova, xurdida dun obituario que se publicou na revista estadounidense Jacobin, correu como a pólvora polas redes e unha morea de medios apresuráronse a reproducila. Afortunadamente, foi un erro.

A falsa morte de Chomsky foi unha desas novas precociñadas que agardan na neveira para ser lanzadas no momento oportuno, pero alguén, por despiste ou falso indicio, premeu o botón de publicar de maneira precipitada. Un proceder habitual, o dos pre-obituarios, cando alguén de renome ten pinta de pasar en calquera momento ao outro barrio. Tan común como paradóxico ante un Chomsky que moito ten argumentado sobre os medios de comunicación e as súas dinámicas.

A familia do intelectual viuse na obriga de saír desmentir a información. Aclarou que Chomsky non só non morrera, senón que estaba a recibir a alta médica no hospital de São Paulo onde se recuperaba dun accidente cerebrovascular. Sacáronnos as cores despois de termos traballado unha elaborada mensaxe de despedida para sumarnos á catarata emocional, de espallar vídeos coas súas ensinanzas máis memorables, de crear imaxes de despedida coa súa cara e unha frase para a Historia. 

A min pasoume, o das cores. Pensei en Gaza, nas trampas do capitalismo, no día que Meghan Markle publicou nas súas redes a capa dun libro de Chomsky. Pensei no filme Captain Fantastic (2016), no que unha familia vive allea ao sistema e celebra, no canto do Nadal, o Día de Noam Chomsky cada 7 de decembro (coincidindo co aniversario do escritor). “Que todos os días sexan 7 de decembro”, escribín, coa sorte da xente que non viu ou non identificou a película.

Ao reparar no erro sentín a tentación de borralo, pero non o fixen. Nunha mensaxe na mesma rede, o xornalista Carlos Jiménez reflexionaba sobre a oportunidade de ler notas positivas sobre un mesmo cando pensan que morremos. “Debe molar ser Noam Chomsky, non estar morto e ver todo o bo que escriben sobre ti cando aínda estás neste mundo”, espallou. Neste mundo que tremela, celebrar a Chomsky ten sentido cada segundo. Precisamos referentes que nos amosen que outro vivir é posible, dende a academia, mais sen salóns con sofás de coiro; dende a crítica, pero sen arengas populistas. Chomsky nunca vai morrer porque o mundo necesita a Chomsky.