Opinión

Migracións e desmemoria

O mapa de galegas e os galegos polo mundo circunscríbese sen circunferencias. Para as persoas que emigraron –como para as que residen fóra da franxa atlántica do noso propio país–, non hai outra morfoloxía distinta á da dispersión. Estamos esparexidas pola Arxentina, o Brasil, Cuba, Suíza, Alemaña, Francia, Uruguai ou Venezuela. E somos, segundo os datos oficiais máis recentes, cada vez menos migrantes e cada vez máis descendentes de quen marcharon.

A dispersión galega continúa porque a querenza pola galeguidade se transmite de xeración en xeración. Dende institucións e organismos, e tamén dende nós mesmas, teimamos en considerar galegas as persoas que naceron fóra, sucesoras daquela emigración tan dura que testemuñan as fotografías, e parécenos ben. Dun xeito ou outro, lembrámonos decotío ese pasado migratorio, un movemento traumático forzado pola miseria que fala de nós, dunha orixe humilde e traballadora e un particular apego pola terra de partida. Asumimos sen reparos que o xermolo da nosa historia recente está escrita na linguaxe das despedidas, das adaptacións, tamén do clasismo e o traballo duro tantas veces achado en países descoñecidos, infrinxido por quen poderían ser, con escasa marxe de erro, devanceiros de Javier Milei ou Donald Trump.

Podemos pensar que ese orgullo pola emigración e a galeguidade que botou raíz noutros lugares é un exercicio de memoria colectiva para que nunca esquezamos de onde vimos. Mais a mesma clase política que saca peito da emigración galega, que a reivindica e a promociona en campañas e proclamas, traizoa hoxe as crianzas migrantes no Congreso dos Deputados. Crianzas soas, sen nome coñecido, vítimas da deshumanización que nos consume e das redes que as fan desaparecer como se as tragara a terra.

O fracaso da reforma da Lei de Estranxería para acoller menores migrantes sen compañía recibiu os votos en contra de Vox, Junts e o Partido Popular. Dous partidos políticos, estes últimos, que alimentan co seu rexeitamento o racismo e a negación de asilo xeralmente atribuídos de forma exclusiva á formación de extrema dereita. Dentro deles, as deputadas e deputados do PP de Galicia, que non semellan concibir a emigración como memoria, senón como nicho de captación de votos para os fillos de quen converteron galego nun adxectivo de desprezo. A desmemoria dos populares é a dispersión do valor universal de humanidade.

Comentarios