Morrer traballando

Malia chegaren tarde, os estudos oficiais adoitan ser sempre moi ben recibidos. Resultan con frecuencia a confirmación científica das nosas sensacións ou experiencias, e tamén a mostra de que aquilo que observamos non só nos acontece a nós ou ao noso círculo máis próximo. Mais, ás veces, os estudos son a constatación da incerteza á que as xeracións máis ou menos novas nos asomamos á realidade. En que lugar nos deixan a quen vimos detrás ou a quen xa traspasaron certos limiares os termómetros sociais que non miden a nosa temperatura.

Os datos sobre as consecuencias no atraso na idade de xubilación que vén de publicar a Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea) evidencian que o risco de mortalidade temperá aumenta de xeito proporcional ao incremento da idade de retiro. En concreto, atrasar a xubilación un só ano multiplica a posibilidade de morrer entre os 60 e os 69 anos. O informe salienta como variables de maior risco os empregos de grande esforzo físico e os que implican niveis de estrés elevados, ese estrés que hoxe coñecemos e recoñecemos de maneira moi xeneralizada en boa parte do mercado laboral. E que se incrementa cunha carga mental que afecta principalmente ás mulleres e co sedentarismo ao que nos arrastran as modalidades e horarios de traballo.

O estudo de Fedea baséase na vida laboral de persoas que hoxe teñen, ou terían, entre 69 e 89 anos. Para quen vimos a continuación, parece inevitable preguntarse de que maneira nos vai afectar o atraso dunha xubilación que non sabemos se nos chegará, mentres quen agora roldan os 60 tampouco semellan ter moi clara a súa idade de retiro. A incerteza é tan grande que hai xente moi nova aforrando para poder baixar algún día do tren do mercado laboral.

A elocuencia do noso propio informe de vida laboral sobre o horizonte da xubilación é irrefutable. O documento, que pode descargarse na web do Ministerio de Seguridade Social, plasma o reconto do noso tempo de cotización en anos, meses e ata días, mais non do que nos falta para poder retirarnos. Nin sequera consta de xeito aproximado, considerando a actual idade de xubilación aos 67 anos. Ninguén quere pillar os dedos na porta do sistema público de pensións, mentres afrontamos, unhas e outras, cadaquén á súa maneira e dende a súa xeración, a incerteza cada vez máis grande de saber se imos morrer traballando, ou por causa do traballo.