Non pasarán

A historia pasa á historia daquela maneira. Polo camiño hai filtros, interpretacións e contextos que nacen de outros moi afastados do que pasou en realidade. Ás veces, tamén, intereses claros que propugnan intencionadamente a distorsión dun feito histórico asumido e documentado. Na política e a academia sempre houbo nichos de poder relatando a historia. Hai negacionistas da palabra de Primo Levi, Annette Cabelli ou Neus Catalá. Hóuboos e hainos nos podcast, nos programas de televisión e na política que se viste da cor da esperanza ou se anuncia como a fin dunha suposta festa.

Jean-Marie Le Pen foi, entre outras moitas cousas, un negacionista das cámaras de gas nazis. Á fronte do partido francés Front National (FN), non puido co conservador Chirac na segunda volta das presidenciais de 2022, cando conseguiu preto do 20% dos votos, e tivo moita menos sorte cando se desinflou en 2007. Quizais por iso Marine Le Pen, a muller que vén de varrer a Macron na primeira volta das lexislativas galas, leva anos esforzándose en pulir a súa aparencia.

Cunha imaxe ben construída de ultradereitista light, de candidata próxima ao electorado que se deixa fotografar aloumiñando gatos, que se rodea de persoas homosexuais e é favorable a blindar o dereito ao aborto na Constitución, foise afastando dos postulados pouco populares do pai. A elaborada imaxe transcendeu o márketing para converterse en titular en varios medios de comunicación. Agora a súa formación, Rassemblement National, encara a segunda volta co éxito de ter logrado o 33% dos apoios na primeira. A mesma que se formou na escola da extrema dereita, abriu unha agresiva cruzada contra a poboación islámica e herdou o posto dun pai convertido en presidente honorífico do FN, logrou convencer boa parte da poboación de que a extrema dereita non é tan mala.

O electorado progresista francés afronta o escenario do horror recorrendo á historia. "No pasarán", a frase máis famosa da Pasionaria ante o anuncio da sublevación fascista de 1936, percorre hoxe as rúas de Francia nas manifestacións contra a ultradereita. A líder comunista española volve como unha agarradoira de forza contra quen, ante o discurso social, sexa un Milei, un Guaidó ou mesmo un Biden, alerta continuamente contra o comunismo. Ese que, como canta Silvio Rodríguez, "nadie sabe qué cosa es el comunismo, y eso puede ser pasto de la censura".