Os homes normais

O caso da francesa Gisèle Pelicot conmociona o mundo. Despois de 50 anos casada con Dominique, descubriu que o home levaba unha década drogándoa para que outros homes puideran violala polas noites. E, por se a brutalidade non fose suficientemente atroz, Dominique gravaba as agresións sexuais. Tiña os vídeos gardados nunha carpeta do seu ordenador titulada 'Abusos', onde tamén había fotomontaxes coa súa filla como protagonista. A policía descubriuno todo despois de enganchalo en 2020 gravando cun móbil oculto a entreperna das mulleres nun supermercado. Ao investigar a súa casa, deron coa dimensión do horror.

Gisèle, de 71 anos, é unha nova vítima das manadas que tanto coñecemos. Descubriu o que o seu home lle facía despois de anos de espertar desorientada, de contraer enfermidades de transmisión sexual e do temor de sufrir principios de Alzheimer. Pero a súa resposta, seguramente pola contundencia e a barbaridade dos feitos probados, foi diferente. O seu avogado explicou a vontade de Gisèle de que "a vergoña mude de bando". E este mércores apareceu ante as cámaras. 

Gisèle autorizou un xuízo público no que o mundo enteiro poida verlles as caras a Dominique o e aos 51 homes identificados nas gravacións. Homes normais, de entre 26 e 74 anos, repartidores, militares, xornalistas, bombeiros, xubilados. Monstros, pero non enfermos. Os seus violadores.

Atraídos por foros de internet onde Dominique empregaba o reclamo "Sen o seu coñecemento", alegaron que non sabían que o que facían non era consentido. Narraron que a presenza do marido aportaba unha garantía de que todo estaba ben e que pensaban que a vítima só se facía a durmida. Ningún deles, nin dos moitos a quen o anuncio lles pasou por diante, denunciou o que vían naqueles foros. En cuestións de abuso e maltrato ás mulleres, sempre hai un acordo tácito entre homes normais. Non hai abuso posible sen complicidade.

Coa cultura da violación de novo enriba da mesa, a publicación satírica Charlie Hebdo publica unha ilustración que mostra a Gisèle sendo violada para facer un chiste sobre Macron. Nas televisións, moitos homes discuten sobre se son ou non potenciais violadores e poñen neles o foco da maneira equivocada. Continúan sen revisarse como homes normais que normalizan o atroz. Mentres se vitimizan e invisibilizan as verdadeiras vítimas, copan o privilexio de vivir con normalidade.