'Tradwives' e o home detrás

A rede atéigase dun equilibrio entre a nostalxia e o horror. Unha pugna na corda que treme, perturbadora, e amaga con romper. A un lado sitúase quen romantiza un tempo pretérito, amable á primeira ollada e simple de tanta simplificación. Ao outro, a milicia da fuxida cara adiante, menos cómoda e cargada de lecturas e teorías que chaman á acción e a protesta.

O motivo nesta ocasión é unha moza miúda de lentes grandes, melena perfectamente peiteada, voz infantil ata a caricatura e incontables horas investidas na casa. Prepara receitas de cociña ou agasallos feitos a man cun nivel de detalle hipnótico. “Hoy a Pablo le apetece” é o inicio de todos os seus vídeos e a frase viral do momento. Porque o eixo, o que funciona, é facer sempre o que máis lle apeteza ao seu mozo.

Pablo aparece de cando en vez degustando o menú, agradecendo o xesto mentres a sube no colo ou a bica nos beizos. Non sabemos a que se dedica. Todo queda soterrado no coidado e a devoción da perfecta esposa polo home que fai cousas fóra da casa. Son, baixo unha mirada domesticada, a parella perfecta, a descendencia natural zentenial dos sorrisos domésticos do márketing dos felices anos 20. Calquera cousa que poida aproximarse a unha felicidade que non coñecemos, nin coñeceremos, porque non existe.

A protagonista ten 1,6 millóns de seguidores en Tiktok. Tampouco pasa desapercibida nos medios, que a entrevistan e amplifican a mensaxe sen aplicar, os máis deles, a máis mínima peneira ante un escenario claro de roles binarios e retrógrados de xénero. Pero non é ela a única nin a principal culpable. O fenómeno tradwives, ou esposas tradicionais, gaña territorio nas redes sociais dende hai tempo, coa coartada perfecta de mirar o dedo, a ela, se á milicia se lle ocorre sinalar o ceo. O tradwife apóiase e aliméntase de outra tendencia moito menos amable e máis agresiva: os influencers da masculinidade heteronormativa.

Non temos hordas de mocidades conservadoras. Temos homes de adolescencias tardías dicíndolles aos rapaces que non se emocionen, que non se masturben, que traten ás mulleres como a obxectos e arrisquen todo o que teñen en produtos de risco porque o capitalismo salvaxe os salvará. Homes que reivindican e impulsan as tradwives e o regreso dun mundo escuro que pintan de cores mentres facturan a custa de mozos frustrados e mozas que cargarán co maltrato en silencio.