A terceira xeración

Na saga Os Buddenbrook, Thomas Mann propuña a idea de que a primeira xeración daquela familia de burgueses alemáns creara a riqueza, a segunda a gozara e a terceira a desbaldira. Pódese aplicar este esquema ao PPdeG. Manuel Fraga adaptou as orixes franquistas da dereita galega ao marco da descentralización propugnada polo Réxime do 78 e creou un imaxinario rexionalista a carón do cal habería florecer a "riqueza" dun partido-institución cunha forte organicidade social. Feijóo, o home de negro, introduciría no PPdeG unha concepción máis descarnadamente neoliberal e españolista, pero acudiría ao legado identitario fraguiano cada vez que consideraba necesario o verniz galeguista.

Do mandato de Feijóo, a segunda xeración, datan as manifestacións contra o galego que frecuentaría o delfín da terceira, Rueda. Este encarna un grao máis no esvaecemento do perfil galego do PPdeG, o que se evidencia na súa renuncia a que Galiza teña unha posición propia no debate sobre o financiamento autonómico e na asunción total da axenda recentralizadora madrileña. Cabe esperar que Rueda tamén fulmine o legado fraguista no que ten que ver coa relación co Consello da Cultura Galega despois de que este ente estatutario emitise un demoledor informe contra a pretensión de Altri de instalar unha fábrica de celulosa na Ulloa. Nun texto publicado no nº2 da revista Clara Corbelhe, Pablo Pesado estimaba que o discurso dado por Feijóo no 25 aniversario do CCG supuña un exercicio de disciplinamento das elites culturais galegas crecidas á sombra da autonomía fraguiana.

Pesado puña en relación ese discurso co papel xogado (esa é a súa hipótese forte) por determinados elementos do CCG no enfrontamento habido entre a RAG e Feijóo polo chamado decreto do plurilingüismo. Un enfrontamento que se saldaría coa saída de Ferrín da academia e cun reforzo (esa era tamén a hipótese de Pesado) dos elementos próximos ao ILG e a Galaxia. Visto que a submisión do CCG ao PP está a ser menor que a vaticinada por Pablo Pesado, Rueda intensificará o disciplinamento iniciado por Feijóo, o que agudizará o distanciamento do actual presidente da Xunta coa institucionalidade cultural galega. Mais non celebremos á lixeira o espazo que poida deixar este divorcio para o soberanismo. Os cambios no PPdeG son paralelos aos habidos nunha sociedade galega que, se ben aumentou a consciencia nacional, viu tamén como se perdía a reprodución natural da lingua e a identidade propias.