Dialécticas

Catro anos despois de que unha horda trumpista asaltara o capitolio, un individuo foi abatido tras tentar asasinar Trump. Unha das explicacións estruturais plausibles a este e outros fenómenos (v. g. a fráxil derrota sobre Le Pen, ou a ruptura co PP escenificada por Vox) ten que ver co tipo de dialéctica (Estado vs. Capital, Mercado vs. Plan, Territorio vs. Cosmopolitismo) que G. Arrighi observa na despregadura do Capitalismo. Tomando ao Braudel que falara do carácter "outonal" da etapa financeira de cada ciclo de acumulación e ao Polanyi que teorizaba sobre o dobre movemento –inherente ás sociedades capitalistas– de correntes mercantilizadoras e outras tendentes á protección, Arrighi estuda os ciclos longos de expansión do capital liderados por distintas potencias ao longo da Modernidade.

O XX sería o século ianqui. O presente, o seu outono. Neste luscofusco xorden os monstros en forma de guerra contra quen aparece como novo hexemón ou de guerra civil que dirima a contradición interna ao hexemón declinante. A conflagración latente entre cosmopolitas e territoriais reprodúcese en Europa e no sur global (velaí Milei, por unha banda, ou o antiimperialismo do Sahel, pola outra). E replícase tamén no seo das clases populares: di Serge Halimi que Le Pen obtivo boas cifras en antigas zonas obreiras e na Francia periférica, mentres que o NFP triunfou nas cidades, onde, ademais da burguesía globbish macronista, mora a poboación migrante, man de obra barata importada pola globalización. Para transformar esta polarización popular nunha síntese, a posición da esquerda debería ser un tertium datur, dado que esta prioriza o control social do capital (máis Estado, menos Capitalismo; mais territorialidade, menos globalización) e tamén a solidariedade internacionalista (menos colonialismo, máis cooperación). 

Porén, en paralelo, a esquerda posúe outras contradicións internas que despregan a súa propia dialéctica: a que se establece entre o abuso estatalista (burocratismo, chauvinismo), por unha banda, e a liberdade individual e a vocación universalista, pola outra. Esta dialéctica, no Estado español dirímese, por exemplo, na cuestión nacional: as esquerdas das nacións sen Estado basculan entre o endosamento ás políticas estatalistas e a preocupación polo abrazo do oso do Estado-nación opresor. O cal, levado ao terreo do fútbol, poderíase resumir na idea de que os "periféricos" somos, a respecto da Eurocopa gañada por España, máis ca augafestas, previsores.