Do sono

Escoito unha conferencia sobre Harmut Rosa, pensador alemán incardinado na última fornada da Escola de Frankfurt, cuxa obra máis coñecida detense na cuestión da "aceleración" característica da Modernidade. De súpeto, unha idea iluminadora aparece: o sono humano é un síntoma da natureza sociable da nosa especie. Se somos quen de abandonarnos ao sono durante horas seguidas sen sobresaltos, e se somos capaces de facelo acompañados, débese a que temos incrustada no máis fondo a confianza no outro. As feras salvaxes non dormen do mesmo xeito ca nós. No mundo hobbesiano dos lobos os perigos sempre están á espreita e ata o máis pequeno ruído dispara o estado de alerta. 

Para Rosa, o tempo acelerado capitalista tamén está a rematar con ese piar fundamental da vida en comunidade que é o sono tranquilo. Se cadra por iso, a figura do vampiro, quintaesencia do insomne atormentado, serviu a Marx para caracterizar o funcionamento do capital e serve á cultura pop adolescente para caracterizar o somnámbulo perpetuo que é o suxeito tardomoderno. Pola contra, os campesiños que pintou Jean-François Millet durmindo a sesta a perna solta na eira aparecen ante os lentes do home moderno coma seres mitolóxicos.

Connecting people é un slogan de telefonía móbil que resume o momento utópico da revolución informática e electrónica. As novas tecnoloxías, a cuxa cabeza se sitúa Internet, prometían substituír as limitacións e coaccións da comunidade local coa liberdade irrestricta da comunidade infinita. Pero o mundo 7/24 da información continua, as redes sociais e a contaminación luminosa non está deseñado para a escala humana e os individuos permanecen, máis ca nunha, vixilia total, nunha sorte de dormevela na que se conxuga o efecto narcotizante do tecnolecer coa imposibilidade da desconexión. Este exceso de sociabilidade potencial convive co maior número de persoas que viven soas da historia. A falta de sono irrita e xa non soportamos demasiado tempo seguido a compaña dos demais. A sociabilidade virtual, coa posibilidade que nos ofrece de "eliminar" o outro da nosa presenza ao noso antollo, mina as bases da sociabilidade real. 

Se cadra por iso, Rosa di que o proxecto do capitalismo tardomoderno é un proxecto contra o sono. O mesmo estilo de existencia que, paradoxalmente, disparou o consumo de somníferos e converteu o suicidio, o sono definitivo, nunha epidemia.