Gañar tempo

Non transcorreran as horas perceptivas para a dixestión desde que se coñeceu a vitoria da Nova Fronte Popular nas lexislativas francesas, cando comezaban, en toda parte, as escaramuzas do extremo centro para perpetuarse no poder: dos estudios de televisión, ás contas dos influencers, pasando polas declaracións políticas. As elites económicas resístense a facer calquera cambio que pase páxina á era neoliberal, auténtico incubador do ovo fascista. A arela da tecnocracia é seguir a piñón fixo con máis doses de desigualdade e exclusión, revestidas de capas de progresismo cultural. O seu programa é aquel "gañar tempo" do que falaba Wolfgang Streek durante a crise do euro. Non se albisca momento Roosveltiano por ningures, só a continuidade dunha oligarquía encastelada nas inalcanzables estruturas burocráticas europeas e muxidora de pingües beneficios a costa da cohesión social. 

En Francia, o primeiro paso do extremo centro consistirá en facer anacos a Fronte Popular e tratar de que as faccións máis mornas upen de novo o macronismo. O resultado das eleccións botou terra sobre a idea arendtiana dos "dous totalitarismos", auténtica clave de bóveda da ideoloxía neoliberal. O voto popular e traballador, fillo e neto, en moitos casos, de migrantes (os mesmos que tinguen de marrón a selección de fútbol) encargouse de frear a extrema dereita; pois é este o extremo que realmente temen os de abaixo. A Democracia, en sentido clásico, feriu a besta, mentres moitos votantes do extremo centro, temerosos das súas propiedades, resistíanse a votar pola Fronte Popular en demarcacións onde só esta era a alternativa.

No Estado español, a gran consigna do stablishment ao acontecido en Francia pasa por trasladar a idea de que non se precisa ningún escoramento á esquerda porque xa temos o PSOE. Núñez Feijóo, que anda como unha pita sen cabeza, chiou unha alegación explícita polo centro político malia que a súa práctica sexa a de colaborar e mimetizarse coa extrema dereita. Moito máis sibilino, e máis prexudicial pola súa penetración intelectual, en parte, das esquerdas, era o encadre que ofrecía Enric Juliana cando, laconicamente, resumía os resultados franceses cun "Noche triste en Moscú". Trátase agora, obviamente, de que a continuación da noite neoliberal sexa alegre nos cuarteis da OTAN e en Washington, capital que Juliana rara vez menciona.