Herdeiros incómodos

En Federación o muerte. Los mundos posibles del Cantón de Cartagena (1873), (2023), Jeanne Moisand achega unha visión renovada ao levantamento que tivo lugar nesa cidade mediterránea con posterioridade á revolución liberal de 1868 e á conseguinte proclamación da I República. A historiografía achegouse ao episodio chea de prexuízos, catalogando o movemento coma un fenómeno quintaesencial do "localismo de campanario", onde elementos elitistas farían a vida imposible ao federalismo moderado sen contar co apoio das clases populares, algo que desminte Moisand ao pór de relevo a importancia do malestar dos quintos coas levas militares, así coma o papel do proletariado, o campesiñado e as mulleres.

A investigadora encadra o cantonalismo na tradición xuntista e descentralizadora hispana de principios do s. XIX e veo como a tentativa de construír unha república federal de "abaixo a arriba". Sinala tamén os paralelismos existentes entre o Cantón e a Comuna de París, trazando os vencellos entre os cantonalistas e os Communards que, apenas dous anos antes, puxeran Francia en xaque e estenderan o pavor entre os poderosos de toda Europa co espectro do Internacionalismo Socialista. Seguindo a tendencia que valoriza o papel da circulación das ideas revolucionarias a través dos océanos, Moisand atopa nexos entre o cantonalismo e o independentismo cubano que, en 1868, se levantará contra a metrópole, así como co incipiente independentismo filipino, tres de cuxos líderes se atopaban encarcerados en Cartaxena, sendo liberados polos sublevados para acabar ingresando nas filas revolucionarias. Este interesante e prometedor enfoque concede importancia ao estudo das interconexións de ida e volta entre os movementos emancipadores da península e os movementos independentistas do mundo colonial.

No epílogo, a autora enxerga o regreso do espírito cantonal no presente, no municipalismo do 15-M. Ben está. Porén, a falta de toda mención á existencia de movementos nacionalistas con forza suficiente como para condicionar o día a día da política española é o elefante no cuarto que adoita escatimarse nos traballos escritos en clave estatal. Castelao pensaba que os nacionalistas eran os herdeiros modernos da tradición centrífuga e antiestatalista que tiña en Pi Margall o gran teórico. A inhibición dos federalistas españois cada vez que se agudiza a contradición centro-periferia así o confirma. E a incomodidade dos intelectuais e académicos co asunto, tamén.