Utopía fútbol

Macron, o epítome do tecnócrata de extremo centro que reinou en toda Europa desde os anos 90 ata a crise financeira de 2008, quixo facer un Pedro Sánchez adiantando por sorpresa as eleccións lexislativas francesas. Mais o que conseguiu foi poñer un cravo máis no colapso da Unión Europea e deixar paso, para a segunda volta e máis alá, a unha contenda política propia dos anos trinta do século XX: Fronte Popular vs. Fronte Nacional.

A diferenza de Macron, Sánchez tivo a habilidade de arrogarse o papel de cabeza de león na Fronte Popular implícita que, de momento, ten maioría no Congreso dos Deputados (coa pouco valorada colaboración, igual que nos anos trinta, das forzas soberanistas das nacións sen Estado). Un haber na capacidade camaleónica do PSOE, partido tan tecnócrata coma Macron (por iso en España Ciudadanos fracasou) pero cun ollo sempre posto en bloquear os movementos á súa esquerda.

Francia é, con Alemaña, un dos motores do proxecto europeo. Se en 2010 os "enfermos" da Eurozona eran o conglomerado de países do sur (a católica Irlanda tamén formaba parte dos Piigs) hoxe a epidemia regresa, coma un búmerang, aos dous grandes países do centro. Europa reprégase, ao tempo que o seu papel no mundo mingua a pasos axigantados sendo, na actualidade, pouco máis que a plataforma atlántica onde o hexemón ianqui desprega a súa estratexia de contención da China. 

En certa forma, a utopía europeísta hoxe sobrevive na Eurocopa que se xoga nos campos alemáns. Unha pléiade de seleccións cosmopolitas, onde os fillos dos migrantes brillan con luz propia, bátense baixo un clima de alegría e bo rollo nas gradas e sementan (Turquía ou Xeorxia son benvidas) unha idea do continente estendida e ecuménica. Este retraso ideolóxico do fútbol a respecto da política ten sentido. Jorge Dioni López, que foi xornalista deportivo, apuntaba no seu La España de las piscinas (Arpa, 2021) que os equipos de fútbol foran uns adiantados na integración das empresas na globalización.

Algo diso hai, por iso Qatar é unha das capitais do fútbol moderno. Na liga española hai tempo que só contan os grandes equipos e moitas cidades pequenas, que noutros tempos tiñan representación competitiva, xa non son quen de manter o tipo na primeira división. O fútbol, outrora adiantado, leva retraso ideolóxico a respecto do mundo que vén. De aí a sensación de disonancia cognitiva entre o ambiente festivo da Eurocopa e a crúa realidade política que existe no eixe franco-alemán.