Coia, a historia da dignidade dos de abaixo

Resulta difícil imaxinar que a Coia da actualidade, chea de edificios, rúas e coches, ata hai poucas décadas era unha das tantas parroquias rurais de Galiza.

 

Resulta difícil imaxinar que a Coia da actualidade, chea de edificios, rúas e coches, ata hai poucas décadas era unha das tantas parroquias rurais de Galiza. E se nos mergullamos aínda máis no tempo, descubrimos que agocha unha rica historia: dende un pequeno castro prerromano ata unha Coia medieval na que vivía e morría xente, a tenor dos restos funerarios atopados.

A finais dos anos 60 esa Coia tradicional desapareceu, devorada por un polígono de vivendas xurdido ao abeiro das políticas de desenvolvemento da ditadura. Dentro das lóxicas do tardofranquismo, a clase traballadora de Citroen ou dos estaleiros precisaba de fogares nos que pasar o tempo cando non estaba nos seus postos de traballo.

"Plan Parcial de Coya de 1963 decretaba a expropiación de fincas rústicas e a súa conversión en solo residencial"

Da noite á mañá, as máquinas fixeran acto de presenza naquela Coia rural, entre a incredulidade e o descoñecemento da veciñanza: chegaba o progreso. O Plan Parcial de Coya de 1963 decretaba a expropiación de fincas rústicas e a súa conversión en solo residencial, e aínda hoxe aqueles días son lembrados con profunda dor por esa vella veciñanza.

O groso do deseño do Polígono de Coia foi encargado a Desiderio Pernas, arquitecto cosmopolita, influenciado polas correntes urbanísticas de vangarda. Porén, a súa proposta de barrio non foi quen de dar resposta ás eivas que levaba implícito: masificación, falta de zonas verdes e equipamentos, servizos urbanísticos deficitarios,....

A estes problemas sumáronse pouco a pouco outros de raíz social: desarraigo dos novos habitantes, consumos abusivos de drogas legais e ilegais, paro, etc. A partir dos 80, xorde o movemento asociativo e cidadán co cal a veciñanza busca saídas no apoio mutuo, na resposta colectiva, na denuncia da inxustiza e dos responsables de tanta dor. E aquelas loitas deron os seus froitos: o Parque da Bouza é sen dúbida o símbolo, o paradigma das loitas veciñais dos 80.

Pero os nosos barrios son ecosistemas vivos que non só nacen, senón que tamén medran e se transforman, e no futuro deste barrio terá moito que dicir a súa veciñanza. Temos a sorte de contar aínda cuns lazos comunitarios vivos que resistiron tempos moi complicados para os movementos veciñais: individualismo, consumismo, privatización dos espazos públicos...Pensamos que as saídas teñen que ser colectivas, recuperar as rúas, empoderarse, apostar polo apoio mutuo...  O futuro de Coia e dos nosos barrios pasa por seren verdadeiros espazos de vida ao servizo da veciñanza.

Este artigo é da autoría conxunta de Diego Lores e Eduardo Rodríguez, ambos os dous activistas da Oficina de Dereitos Sociais de Coia.