2017: O que ten que chegar

Enceta un novo ano e con el a sucesión de propósitos que se visten de reivindicacións cando se trata do país, a comezar por un pacto nacional con medidas efectivas contra a violencia machista. A loita contra a violencia de xénero, en todas as súas formas, require de medios e recursos encamiñados a desmontar o patriarcado. Outra das cuestións inaprazábeis deste ano pasa por conseguirmos un novo modelo de financiamento que remate coa discriminación á que se ve sometida Galiza e que nos fixo perder ao redor de 9.000 millóns desde que entrou en vigor o actual sistema. Un concerto económico e a asunción de competencias en materia fiscal permitirían avanzar cara a un autogoberno real. A tarefa semella dificultosa cun Feijóo que para Catalunya ou Nafarroa defende o concerto que desbota no noso caso.

Frearmos a sangría da emigración e a perda poboacional, fenómenos estreitamente vinculados co emprego, requiren, precisamente, de máis capacidade de decisión para poder dirixírmonos cara a un modelo económico sustentábel e baseado nas realidades dun país con grandes potenciais para se desenvolver con suceso. Un país que sofre hoxe múltiplas estafas, como a da AP9, que cómpre transferir canto antes para poñela ao servizo do pobo e non dunha empresa. Un país que ve como a súa lingua é tratada como un idioma estranxeiro cando, ao igual que a cultura, debera ser ferramenta fundamental para a cohesión social e para o afortalamento da nosa identidade nacional.