A fin dun veto

[María Obelleiro]

 

Aínda hai pouco máis dun ano, a entón presidenta do Congreso español, Meritxell Batet, retiraba a palabra ao deputado do BNG, Néstor Rego, por facer a súa intervención en galego. Non era a primeira vez. E o mesmo acontecera con deputadas e deputados cataláns e vascos ao querer expresarse na súa lingua. Até o de agora, como noutros moitos campos, no Congreso español non existía a cooficialidade dos idiomas, só existía a oficialidade do español, mentres que o galego, o catalán e o euskera estaban, directamente, proscritos.

A necesidade de sumar apoios con forzas nacionalistas provocou que o PSOE permitise pór fin ao que era unha anomalía. Tras en 2022 tombar a proposta de BNG, ERC, Junts, CUP, PdeCat, Bildu, PNV e Compromís para mudar o Regulamento do Congreso e autorizar o uso de todos os idiomas oficiais, o PSOE, a través de Pedro Sánchez, anunciou esta semana que oficializaría galego, catalán e euskera nas institucións da Unión Europea e, no día de onte, a nova presidenta do Congreso, Francina Armengol, manifestaba que baixo a súa Presidencia “permitirase a utilización” das catro linguas oficiais do Estado español “desde esta sesión constitutiva”. Que este mesmo espírito contribúa a eliminar todas as trabas que aínda sufrimos as persoas galegofalantes!