As chaves do curso

[Alberte Mera]

 

Comezaron onte as aulas representando a fin "psicolóxica" do verán. E precisamente, este inicio do curso escolar amosounos cales van ser as chaves do curso político e hoxe poderá lelas ao longo deste xornal. Podemos comezar polo propio ensino, non hai case comarca do país que non acollera estes días e sobretodo onte mobilizacións de docentes, nais, pais e estudantes contra os recortes da Consellaría de Educación. Exixen reducir o número de alumnado por aula para mellorar a calidade educativa e o tempo de dedicación do profesorado a cada estudante. Seguimos... máis de 40 entidades rexistraron onte no Parlamento da Galiza unha ILP para democratizar os medios públicos da Galiza. O persoal do ente denuncia a manipulación da CRTVG en cada Venres Negro e a Xunta prepara unha nova lei para regular a radio e a televisión da Galiza e que a representación legal do persoal da CRTVG rexeita, así como entidades do sector -incluída a Academia Galega do Audiovisual-, sindicatos e os partidos da oposición. Continuamos: milleiros de persoas saíron ás rúas de Catalunya na Diada defendendo o dereito a decidir de Catalunya nun momento en que se debate un concerto económico para ese territorio. Ayuso prohibe aos presidentes do PP negociar o financiamento co Estado de forma bilateral. O de Aragón e o de Andalucía non lle fixeron caso. Alfonso Rueda si. Quen manda na Xunta?