Baiona, aquí

[Alberte Mera]

De Ponteareas a Iparralde hai apenas 160 quilómetros, segundo medios de comunicación que onte, con motivo da Volta Ciclista, confundiron Baiona, na comarca de Vigo, coa situada no Iparralde. Claro, en francés a Baiona de Euskal Herria escríbena con 'y', ao igual que fan ao deturpar "a nosa Baiona". Alén das brincadeiras nas redes sociais, a cerna desta historia radica en que a Galiza "non debe ser protagonista de nada". Que hai un evento deportivo mediático en Baiona? Pois terá que ser no Estado francés, como vai ser na Galiza? Será pois en "Bayona, la pintoresca ciudad del País Vasco francés donde hoy acaba la Vuelta", rezaba un deses titulares. Deixando atrás o erro na situación xeográfica tampouco empregan Baiona en vasco nin en galego, empregan a súa forma deturpada con ese 'y'. Porque, ademais, na Galiza se hai algo de relevancia será tamén cun nome español, non si? Como o foro económico que deturpa tamén o topónimo da Toxa...

Con todo, galegas e galegos acudiron onte como público ao evento deportivo para luciren bandeiras da Galiza e divulgar no Estado e no mundo que Baiona é un fermoso concello situado na Galiza. Tamén fixeron un acto de solidariedade, cualidade que caracteriza o pobo galego, ondeando bandeiras palestinas en contra do xenocidio e en defensa dos dereitos humanos.