Bañarse no Ulla

[Xoán Costa]

Soubemos nos primeiros días desta semana que a temperatura media do ar no planeta Terra, medida a dous metros de altura, rexistrou os datos máis altos desde que hai rexistros.

Segundo o Servizo de Cambio Climático de Copernicus, a temperatura media diaria global na segunda feira, día 22, foi de 17,15 °C, superando os 17,09 °C do día anterior e os 17,08 °C alcanzados o 6 de xullo de 2023. Para algúns científicos estes valores serían os máis elevados dos derradeiros 120.000 anos, e non descartan que nestes días se poida rexistrar un novo récord na temperatura diaria global.

E neste contexto, o Goberno galego, co presidente Rueda á cabeza, aposta decididamente pola instalación de Altri en Palas de Rei, unha factoría que verterá millares de toneladas de gases á atmosfera que van contribuír a ese quecemento do ar. Para producir, Altri necesita eucalipto, especie que consume inxentes cantidades de auga do subsolo e reseca o ar. Para transformar o eucalipto en celulosa precisa millóns de metros cúbicos de auga que será extraída do río Ulla e será devolta bastante máis quente e contaminada con amonio, nitratos, sulfatos, fosfatos, fósforo. Iso sen contar o que verterá a mina de Touro, outro proxecto ben querido por este goberno.

PS. Fraga bañouse en Palomares. Tomará Alfonso Rueda baño no encoro de Porto de Mouros?