Coches e cochos

[Xoán Costa]

O reino da España, cunhas vendas de 560 mil toneladas en 2023, segundo datos da patronal porcina Interporc, é o maior exportador europeo de carne de porco para a República Popular da China. Son, falando en cartos, 1.223 millóns de euros sobre un total en exportacións de 7.500 millóns. 

Nestes días o Ministerio de Comercio da China anuncia unha investigación por competencia desleal contra certas importacións de carne de porco e derivados procedentes da Unión Europea. A medida é considerada unha resposta aos aranceis impostos por Bruxelas aos vehículos eléctricos chineses.

Tamén os produtos lácteos están no punto de mira e, se finalmente se producen as investigacións "antidumping" e a China impón aranceis cos que replicar os xa postos pola UE, a economía galega, con 234 millóns de euros en exportación, verase moi afectada. 

E que di o Goberno do Estado neste asunto? Nada. E o Goberno Galego? Menos. Está a outra cousa. Acredita na variña máxica de Circe, a feiticeira que transformou en porcos os soldados de Ulises, e xa ven os cochos mudados en coches, cos aranceis a afortalar a industria do automóbel. E con novas industrias a desbravar o territorio. Altri, poñamos por caso. Ou a mina de Touro. A súa referencia é aquel refrán atribuído a un crego moi amigo dos cartos: “Se me deixasen, vendía o porco de san Antón”.