Comer, un vicio burgués

[Alberte Mera]

O encarecemento continuado dos prezos da alimentación na Galiza vai facer que comer acabe sendo "un vicio burgués" se non for porque sen comida morremos. Onte soubemos que a inflación creceu na Galiza por riba da media estatal: 9,2% con respecto a setembro do ano pasado, o que a pon tres décimas por riba da cifra do conxunto do Estado. A alza da inflación modérase respecto aos últimos meses, mais iso si, os prezos dos alimentos aumentaron 13,3%, así como os da vivenda, auga electricidade, gas e outros combustíbeis (17,3%).

Como ben indican a este xornal hoxe desde Unión de Consumidores de Galicia "segue a haber un desfase moi importante entre a evolución da renda e a dos produtos que compoñen o cesto da compra" sobre todo dos alimentos básicos que se precisan para manter unha dieta sa e equilibrada. Servíndonos desas cifras mesmo poderiamos facer unha lista da compra: Carnes de ave (18,1% máis caras que hai un ano), as de vaca e tenreira (14,7% máis custosas), ovella e cabra (11,5%), e a de porcino (11,2%), manteiga (33%) e os ovos (23,6%). Obviamente, os prezos soben se os custos de produción encarecen así como os das e dos transportistas, ora ben, aos Gobernos hai que lles demandar que regulen prezos, inaceptábel que produtoras, produtores e poboación pague de novo unha crise da que non son responsábeis.