Comeza a campaña

O 25S xa está no horizonte e os próximos días serán politicamente intensos e debérano ser tamén na base da sociedade. É moito o que está en xogo. Non só a continuidade ou non da administración Feijóo, senón tamén que tipo de mudanza precisa este país e se o cambio debe traer consigo ou non novos poderes políticos para Galiza.

A valoración que cabe facer dos anos de goberno Feijóo é forzosamente negativa. Lastrado pola ausencia dun proxecto de país, limitouse a facer un labor de deconstrución dos logros do efémero goberno de coligazón PSOE-BNG. Feijóo recortou masivamente en servizos públicos e, contra a impresión inicial de que se trataba dun tecnócrata, mostrou sen complexos o seu perfil político: o dun neoliberal que non acredita nas institucións galegas de autogoberno e que aplicou sen rechistar as receitas recentralizadoras que o seu partido lle fornecía desde Madrid.

Os cambios que precisamos non son os mesmos que requeriría unha calquera comunidade autónoma española

O 25S temos unha oportunidade como sociedade para emprender un cambio de rumo e pór Galiza noutra orientación. Mais os cambios que precisamos non son os mesmos que requeriría unha calquera comunidade autónoma española. Temos unha realidade nacional distinta e problemas específicos que non son resolúbeis pola mecánica aplicación de fórmulas progresistas standard. Necesitamos avanzar na modificación a serio do marco político -a dependencia quer de Madrid quer de Bruxelas- que constrinxe o goberno galego e que limita a súa capacidade para mudar a vida do país nun sentido positivo. O rupturismo ao que algunhas forzas que se reclamaban da Nova Política teñen renunciado nos últimos meses ben que lle fai falta a Galiza. Cómpre racharmos cunha situación de dependencia que nos impide -en áreas tan sensíbeis como a planificación da actividade económica ou a captación de recursos fiscais- producir mudanzas significativas que poñan Galiza no rumo certo.

O rupturismo ao que algunhas forzas que se reclamaban da Nova Política teñen renunciado nos últimos meses ben que lle fai falta a Galiza

Non se trata só de pór fin a administración Feijóo, trátase de propor ao país un novo horizonte, o dunha nación que debe irse responsabilizando dos seus propios asuntos e que precisa para iso de novas ferramentas políticas, orientadas no medio prazo -en política convén ser realistas- á plena soberanía.