De vacas e cipaios

[María Obelleiro]

Publicamos hoxe unhas cifras de carácter oficial que asustan. Só no pasado ano botaron o fechamento máis de 1.500 explotacións gandeiras, cifra semellante á de 2021. Desde 2009, perdéronse máis de 21.300 granxas. Un dato que ilustra a situación que sofre o sector agrogandeiro. A Xunta da Galiza conta cunha Consellaría de Medio Rural con competencias na materia, mais nada fai para pór freo e reverter a sangría. Despois, laiámonos dos incendios forestais e do transvasamento da poboación do rural á cidade. Se só hai trabas, se se recortan os servizos públicos e se non hai incentivos, o fechamento de granxas seguirá a ser unha constante.

A desatención do rural por parte do Goberno galego non resulta unha sorpresa atendendo á intervención do presidente do Executivo, Alfonso Rueda, onte no Parlamento, onde renunciou a contar cun maior autogoberno para a Galiza (á vista da realidade, as competencias das que dispón sóbranlle, pois non as exerce). Esa renuncia ao autogoberno casa co posicionamento do Partido Popular a respecto de todo o galego. O “Galicia, Galicia, Galicia” fica como slogan para unhas eleccións pois de galegas e galegos os deputados do PP non exercen. De feito, eríxense en firmes defensores do español en detrimento da lingua propia da Galiza. Todo lles vale para satisfacer Vox.