O debate arredor da unidade

O debate arredor da unidade está moi perto xa de se resolver, aínda que só sexa porque os prazos se botan enriba


O debate arredor da unidade está moi perto xa de se resolver, aínda que só sexa porque os prazos se botan enriba e o 6 de novembro, a máis tardar, as coalicións electorais teñen xa de estar rexistradas. A estas alturas, e aínda que nada é completamente desbotábel até as últimas horas do día 5, parece moito improbábel que o nacionalismo e a esquerda estatal dita rupturista vaia ir nunha única lista ás Cortes Xerais do Estado.

Mais en realidade, do noso punto de vista o miolo da cuestión apunta noutra dirección: a existencia de dous proxectos estratéxicos dificilmente sintetizábeis

Nas análises publicadas até o de agora téñense considerado dous elementos para explicar o porqué da non converxencia: o asunto do grupo parlamentar -que só unha candidatura de base galega podería en teoría garantir- e a hipótese de a marca Podemos aparecer na papeleta, inaceptábel para unha lista de país. Mais en realidade, do noso punto de vista o miolo da cuestión apunta noutra dirección: a existencia de dous proxectos estratéxicos dificilmente sintetizábeis. Un pon o acento na necesidade de Galiza manter un proxecto nacionalista autónomo e ten a emancipación nacional como norte. O outro olla máis para os hipotéticos cambios no Estado e pensa máis en termos de "esquerda social" do que no marco dun proceso autodeterminista.

Ese, parécenos, é o debate real. Era ben que se expresase por todos os actores con maior clareza.