Delirio militar

[Alberte Mera]

O presidente dos Estados Unidos de América, Joe Biden, referiuse onte ao Armagedon e afirmou que "o mundo enfronta unha ameaza de guerra nuclear". Suculento escenario está a quedar, nunha Europa azoutada pola guerra, para as potencias militaristas e a grande industria das armas faceren negocio. A guerra, o odio e o medo son os peores inimigos para as sociedades e os máis efectivos canles para a submisión.

E é neste escenario que Estados dos cinco continentes están embarcados no delirio militarista que espreme as maiorías sociais en beneficio dos grandes señores da industria das armas, homes de gris que verán agora engrosar os seus beneficios. Recursos inxentes públicos para producir tecnoloxía para matar.

E así, o Goberno español non queda tampouco atrás nesta espiral de violencia que percorre o mundo e anuncia aumentar en máis de 25% o orzamento en "Defensa" para o ano que vén como alumno avantaxado da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e dos Estados Unidos de América que pediron aumentar até 2% do Produto Interior Bruto os cartos públicos destinados á cuestión militar. Mais unha vez, cómpre recordar, non hai armas nin exército de paz.