Desfiles

[Alberte Mera]

Representantes do Goberno español acudiron onte en Madrid ao desfile militar que conmemorou o Día da Hispanidade en plena carreira dos Estados da OTAN por incrementar o gasto armamentístico e en Exércitos (máis de 25% de aumento na proposta de Orzamentos Xerais do Estado español para 2023). Porén, hai outras marchas que teñen máis valor aínda que non sexan televisadas, como a das mulleres e homes da Asemblea Antirracista Galega que onte reuniron centos de persoas en Compostela para denunciar a celebración do Día da Hispanidade, pola reivindicación militar da data, españolista e, sobre todo, por conmemorar o 12 de outubro, a data en que comezou o maior xenocidio da humanidade, como ben definiu a este xornal Vicky Campoamor, da asemblea antirracista Achega a activista unha frase moi importante que debe facer reflexionar: "nas escolas nunca se estuda nada do pasado e presente español colonizador". Que gran certeza. Alén e aquén mar, o conto sempre é tentar eliminar a cultura dos pobos e borrar a historia propia para incorporala á de quen manda. 

Escoitar aínda de hoxe que América foi descuberta polos españois, enxalzar o que alí aconteceu, ou o "por que non calas?" dun monarca  a un presidente dun país que foi colonizado pola realeza daquel Estado seguen a arrepiar.