Desprezar as institucións

[Xoán Costa] 

Quen ía pensar que o Goberno galego, co presidente Rueda á cabeza, acabaría por desprezar as institucións? Máis iso é o que se desprende do abandono do pleno do  Parlamento no momento en que comeza o debate dunha proposición non de lei que chegou alí por iniciativa lexislativa popular coa pretensión de abordar o tema das seleccións deportivas. É este un acto ben pouco democrático e é un desprezo para os centos de persoas que asinamos para esta iniciativa poder chegar a trámite parlamentar, na confianza de que, saíse ou non adiante, sería escoitada polo Parlamento e polo Goberno. É tamén unha actitude que deixa en evidencia o propio Parlamento, tantas veces referenciado por quen agora o abandona como o lugar onde se deposita a soberanía popular. É esta a única lectura.

Hai exemplos polo mundo adiante, o máis evidente no Reino Unido, que demostran que non se perde nada da “unidade nacional” por regular o modo en que, en diferentes deportes, poida haber varias seleccións representativas dunha das nacións dese Estado. Por iso o acto do Goberno Rueda resulta estraño, pois parece froito de algún trauma pensar que a existencia dunha selección galega, en calquera deporte, poida eclipsar os méritos deportivos dunha selección estatal. Gales competía con Inglaterra, perdeu e non por iso se desintegra o Estado inglés. Pode alguén dicirme en que prexudica a España a existencia dunha selección galega?  Só algún trauma de quen nos goberna pode aclarar tantos temores.