As eleccións inevitábeis

O 21 de decembro, poucas horas despois de se fecharen os colexios eleitorais, o diario dixital Sermos Galiza publicou unha información segundo a cal a hipótese máis probábel era a repetición das eleccións, dada a correlación de forzas deitada polas urnas. Non se trataba dunha especulación, senón unha noticia construída sobre a base de fontes do PP e o PSOE e sobre declaracións do líder de Podemos, Pablo Iglesias. O tempo deunos a razón. Todo o proceso que vivimos nos últimos meses foi máis de negociación aparencial que real: as cartas estaban marcadas desde o principio e os principais actores tiñan claro que se estaba ante un Parlamento colgado, sen viabilidade para ningunha alternativa de goberno.

PP e Podemos son as forzas políticas que obxectivamente máis interesadas estaban na repetición das eleccións. A forza hexemónica da dereita española, porque o 26 de xuño terá a oportunidade de conseguir a maioría -conxuntamente con Ciudadanos- que lle foi negada o 20D. O partido morado, porque persegue o obxectivo de desprazar o PSOE como forza hexemónica da esquerda estatal e pensa que, coa coligazón de IU, agora si que estaría en condicións de materializar ese sorpasso.

PP e Podemos son as forzas políticas que obxectivamente máis interesadas estaban na repetición das eleccións

Está claro que aquí os intereses de parte, os intereses partidistas, conspiraron contra os intereses xerais, os dos distintos pobos que compoñen o Estado español. Nese sentido, é preciso reflexionarmos sobre o irrelevante papel xogado durante estes meses polas deputadas e deputados eleitos na Galiza, quer a representación do PP quer a do PSOE quer a de En Marea. No caso da amalgama de Anova, Podemos Galiza e EU, foi moi rechamante que fose incapaz de levantar unha estratexia minimamente autónoma a respeito da tracexada por Pablo Iglesias e que, en contraste con Compromís, carecese en todo momento de iniciativa política.

Así as cousas, o 26X voltaremos ás urnas. Bon momento para pensarmos na necesidade de Galiza recuperar o protagonismo perdido na escena do Estado, cunha representación xenuína e de seu.