Enxeñaría contábel

[María Obelleiro]

Segundo datos do Ministerio de Facenda anteriores á pandemia, Sanxenxo multiplicaba no verán por oito o seu número de residentes. A alza tamén afecta outras vilas turísticas galegas, que ven incrementar a súa poboación. Mais estas cifras non saben nin de novos contaxios, nin de casos activos. As persoas que non residen na Galiza, aínda que sexan positivas en Covid-19, non contan como tal para o sistema de saúde galego. Un madrileño que resida no verán na vila do Salnés -ou en calquera outra- e dea positivo en Covid-19 nunha proba que se realice durante a súa estanza na Galiza, computa en Madrid e non aquí.

Este exercicio de enxeñaría contábel maquilla as cifras e produce desequilibrios á hora de impor as restricións, de maneira que sobre a mesa do Comité Clínico que asesora a Consellaría de Sanidade as persoas visitantes non contan. Así, dado o incremento poboacional, é obvio que o impacto desta quinta vaga da Covid-19 é aínda maior do que reflicten os datos oficiais. A transparencia, para cando?