Erros e agresións

[Xoán Costa]

Un dos máis coñecidos sonetos de Luís de Camões comeza co hendecasílabo Erros meus, má fortuna, amor ardente. O PP de Ourense -penso que sen ler antes Camões- confirmou no pleno da Deputación desta pasada cuarta feira que non pedirá a reprobación e dimisión do alcalde da cidade, Pérez Xácome, por agredir "verbal e fisicamente" unha muller que desenvolvía o seu traballo sindical. Cualifican a acción de "erro". 

Os dicionarios soen dar como sinónimos de erro, polo menos, os seguintes: falla, engano, desacerto, incorrección, equívoco, falta, crime, impericia, inexactitude, desigualdade, desatino ou despropósito. Con cal destes sinónimos se identifica o PP de Ourense? Ningún dos sinónimos de erro se corresponde co significado de agresión. Mais dous adxectivos derivados desas dúas palabras, errático e agresivo, si poden ser aplicadas, como cualificativo ao señor Xácome. Lean Camões, recoñezan o seu discurso desatinado e lembren o fin do soneto:

Oh! quem tanto pudesse, que fartasse. 
Este meu duro Génio de vinganças!