Opinión

Escoller Galiza

[Alberte Mera]

Na liberdade de elección radica a democracia. O dereito a decidir que ser hoxe e que se quere ser no futuro. Que mellor dereito a reivindicar no Día da Patria Galega e, sobre todo, que preciso é escoller Galiza fronte ás agresións á natureza, escoller Galiza fronte aos ataques á lingua galega e aos símbolos que nos identifican como pobo no mundo, escoller Galiza ante a desindustrialización e o desmantelamento dos sectores produtivos, escoller Galiza fronte ao machismo, escoller Galiza para termos servizos públicos, unha Atención Primaria con recursos e profesionais abondo para atender as necesidades de aldeas, vilas e cidades de todo o país. Escoller Galiza é tamén celebrala, con orgullo de sermos quen somos e do que facemos. Por iso, para amosar que somos, como di Xurxo Souto, un pobo de artistas, Nós Diario achega neste Día da Patria Galega 88 páxinas de información precisa: 32 do xornal, 48 do caderno especial O pobo que canta nunca morre e oito do facsímile de A Nosa Terra que reproduce o Alba de Groria de Castelao. De Castelao a hoxe hai un pobo consciente, reivindicativo, vivo e creativo. Por iso o especial achega toda a actualidade musical da Galiza, porque somos potencia musical tamén á hora de compoñer, cantar e de bailar, porque que se non bailamos e celebramos a Patria Galega, o país non avanza. E avanzar é urxente. 

Comentarios