España e o xogo da OTAN

[Alberte Mera]

Como se daquel xogo da infancia se tratar, no que ao inicio da partida tiñas que situar barquiños de guerra nun taboleiro que simulaba o mar e pronunciabas aquilo de ‘tocado e afundido’, o Estado español está a mobilizar as súas embarcacións militares. E faino desde o porto de Ferrol, de onde xa partiron dúas fragatas, a Blas de Lezo primeiro e onte a Juan de Borbón. Nome ben acaído, de realeza, de imperio e de guerra. A primeira diríxese ao Mar Negro para sumarse á campaña de escalada de tensión militarista promovida polos Estados Unidos, a Unión Europea e a OTAN contra Rusia. A segunda fragata chegará ao porto francés de Toulon para operar baixo a Armada gala nunha nova operación da OTAN.

Cambian as cores e as xeracións no Executivo español, mais non muda o seu seguidismo aos Estados Unidos. E, alén das críticas puntuais de Podemos pola operación belicista, o certo é que o Goberno español está a tomar posicións claras e meridianas ante un posíbel conflito bélico sen que haxa crise no Goberno nin nas rúas. E para mostra desta toma de posición, a felicitación do secretario xeral da OTAN a España chegada na fin de semana pola “súa vital contribución” coas fragatas á Alianza Atlántica.