Esperanza

A Xunta de Galiza, por boca do seu Presidente, anuncia a posta en marcha do telefone 881 002 021 coa esperanza de que utilice este sistema toda persoa que chegue á Galiza este verán. Trátase, din, de coñecer a procedencia, os motivos da visita, un domicilio durante a súa estadía e un telefone de contacto.

Este chamamento, xunto coa recomendación de non facer festas familiares, evidencia que a Xunta non ten plano de control do andazo e deixa a evolución da pandemia ao criterio individual de cada persoa que chegue á Galiza, en moitas ocasións para asistir a esas festas que o Presidente recomenda non realizar.

De pouco vai servir o uso obrigatorio da máscara. O importante, ou polo menos o necesario, sería que a Xunta deixase de gobernar en base á esperanza, a mais pequena das virtudes teologais, e asumise o control directo de todas as persoas que vaian entrar na Galiza facendo as probas necesarias, pois de pouco vai servir a chamada telefónica para evitar contaxios. Servirá, ou non, para controlar os brotes.