Están por todas partes

[Yuri Carrazoni Mier]

Os Republicanos, o partido da dereita tradicional francesa, están en pé de guerra desde que o seu líder, Éric Ciotti, ao que intentaron cesar nas últimas horas, explorou unha alianza coa Agrupación Nacional de Le Pen de cara ás eleccións lexislativas, algo insólito nun dos poucos países nos que se podía falar de 'cordón sanitario' até hai ben pouco. A ultradereita gañou nas europeas do pasado domingo en Francia e Italia, foi segunda forza en Alemaña e no Estado español subiu oito puntos a respecto dos comicios de 2019. Tamén na Galiza gañou apoios. Mais aquí o 'cordón sanitario' foi sempre unha quimera, pois o Partido Popular, que se presupuña dereita "moderada", non dubidou en abrir as portas a Vox alá onde lle foi posíbel.

O presidente Alfonso Rueda tense posicionado a favor de pactar coa ultradereita —"son coalicións entendíbeis"—, e tanto el como Feixoo falan de Giorgia Meloni como socia natural do seu partido, entendendo que "non todos" os ultras "son iguais". Igual que nos anos 30 do século pasado, unha vaga reaccionaria percorre o planeta enteiro a velocidade de vertixe. "Están por todas partes", que diría o pequeno Cole en O sexto sentido. E xa hai décadas advertía o filósofo George Santayana que "quen esquece a súa historia está condenado a repetila", unhas palabras que quedaron inmortalizadas en Auschwitz. Tomemos boa nota e non normalicemos o que non o é.