Fráxil territorio
[Alberte Mera]
Se antonte coñeciamos a autorización da Xunta da Galiza a 75 novos parques eólicos, que suman 1.958 megawatts aos 3.878 actualmente instalados -e que deberían estar operativos no nao 2025-, onte mesmo o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, deu a coñecer a aprobación no Consello do Goberno galego do proxecto de lei do litoral. Unha norma que permitirá autorizar 4.000 edificacións en diversos puntos da zona de protección de costas e a instalación de até 300 estabelecementos hoteleiros. Os temores do ecoloxismo foron confirmados onte pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que recoñeceu que a norma fixa como usos permitidos na zona de protección de costas a creación dunha rede de estabelecementos de turismo litoral.
As lectoras e os lectores de Nós Diario atopan de forma recorrente informacións e análises sobre os efectos do cambio climático na Galiza e no mundo. Lamentabelmente, pese a semellante caudal informativo, non deben estar ao tanto no Goberno galego, que insiste en pór o monte ao servizo do eucalipto ou das eólicas -tamén agora quere Madrid pór o noso mar a servizo das eólicas- e aposta na edificación na costa. Mundo só hai un, e a Galiza tamén. Aínda que extenso, diverso e plural, este país hai que coidalo xa con políticas orientadas á sostibilidade e ao respecto da natureza ou o futuro vai ser moi duro.