Informar desde a guerra

[Alberte Mera]

Compostela puxo o ramo onte ás palestras que esta semana impartiu en diversas cidades da Galiza o xornalista portugués Bruno Carvalho, que durante sete meses foi correspondente de Nós Diario no Dombás. De feito, este xornal que vostede está a ler foi durante a práctica totalidade deste tempo o único medio na Galiza mais tamén no Estado español cun xornalista no Dombás. O único. Pois, como xa dixo Carvalho, valente e audaz xornalista, nunha entrevista neste medio ao regresar a Portugal: "Querían que non houbese ningún xornalista naquel lado da guerra porque o único que lles importa é a propaganda e non o xornalismo”.

A aposta deste xornal estando presentes e informando en tempos de guerra non é outra que o respecto á verdade, desmontar mentiras, analizar as chaves dos conflitos e das guerras para achegar ensinanzas delas co fin de evitar que se repitan, ofrecer pluralidade de voces para que as lectoras e lectores elaboren as súas propias conclusións, sempre estas baixo os valores do antimilitarismo, da aposta pola paz e a vía diplomática como a ferramenta para a resolución dos conflitos. Unha posición antibelicista a inzar pese ás guerras, pese aos aumentos do orzamento militar ou pese á tensión crecente no Mar da China e en Estados de Asia que deparan un futuro preocupante para a humanidade.