Lección de dignidade

[Yuri Carrazoni]

Sete meses despois, 35.000 mortes despois, o masacre non se detén en Gaza. E malia os obstinados intentos de Israel de defender a cruenta ofensiva contra Palestina como unha "guerra contra Hamás", os feitos falan por si mesmos. Os ataques israelís non son "cirúrxicos", como tentaron vender á comunidade internacional desde o pasado outubro, e as infraestruturas civís son albo de boa parte dos bombardeos. Non hai visos dun alto o fogo e, cando chegue —se é que chega—, a Faixa será xa "unha paisaxe lunar" froito da "devastación absoluta", tal e como advertía esta terza feira o avogado israelí crítico co Goberno Daniel Seidmann. E mentres as 'elites', como é costume nestes casos, ollan cara outro lado, máis unha vez é a sociedade civil quen se mantén a carón do pobo palestino.

Alumnado da USC acampou onte na Facultade de Xeografía e Historia para preparar un feche solidario por Palestina, sumándose así a un movemento estudantil que axita conciencias polo mundo adiante. E, de forma paralela, Erguer convocou esta terza senllas concentracións nos campus de Lugo, Vigo, Ourense e Pontevedra. Buscan, con esta accións, que as universidades se postulen "claramente" a favor de Palestina e polo boicot desde o plano académico a Israel mentres non cese a agresión. A mocidade activa, que diría Dakidarría, toma a iniciativa fronte ao silencio imperante na malograda comunidade internacional.