Máis pobreza e recorte de axudas

[Alberte Mera]

A  crise, unha vez máis, golpea en quen non a provocou e en quen é máis vulnerábel: máis de 17% de traballadoras e traballadores están en risco de pobreza e exclusión social, 4% máis que o ano anterior, segundo os datos do informe sobre empobrecemento difundidos onte pola EAPN Galiza. Cada vez máis persoas empregadas están en situación de pobreza. Contar cun posto de traballo non evita o empobrecemento. Ademais, fica certificado cos datos do novo informe o agravamento da emerxencia residencial e de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesíbel, pois como alertaban onte desde a Rede Europea Contra a Pobreza e a Exclusión Social, case 25% das persoas en pobreza dedican máis de 40% da renda á vivenda e 19,5% gasta máis da metade.

Ademais, xa no ano anterior á crise inflacionista e á guerra en Ucraína aumentaran as persoas que non poden permitirse manter a vivenda cunha temperatura axeitada: de 9,6% en 2020 a 13,1% en 2021. E mentres, o Goberno galego decidiu eliminar a Tarxeta Básica que axudaba máis de 35.000 familias vulnerábeis para a compra de produtos de alimentación e hixiene básicos e de farmacia. En plena crise pola suba de prezos na alimentación, a Xunta elimina servizos de loita contra a exclusión. O Executivo galego aproba hoxe a proposta de orzamentos para 2023. Esperemos que haxa Tarxeta Básica e non vantaxes fiscais para millonarios.