Máis privatización

[María Obelleiro]

O Goberno galego dixo tomar nota da histórica manifestación en defensa da sanidade pública que decorreu o pasado domingo nas rúas de Compostela, mais a súa medida estrela, anunciada apenas tres días despois da protesta, non implica menor precariedade no sector nin máis investimento en Atención Primaria -lembremos que a Galiza é, despois de Madrid, a autonomía que menos diñeiro destina-, senón máis privatización e maiores problemas.

A Consellaría de Sanidade, que ten como interlocutores únicos os Colexios Médicos de Ourense, Lugo e A Coruña -o de Pontevedra rompeu relacións co Goberno galego ao consideralo culpábel da deterioración do servizo público-, acudiu á chamada da patronal e flexibilizará a normativa para que as médicas e médicos do Sergas poidan traballar en hospitais privados, mesmo naqueles con concertos que reciben financiamento público.

A Xunta da Galiza só quere escoitar a patronal e unha pequena parte das médicas e dos médicos, tendo en conta que os órganos de dirección dos citados colexios, segundo informa SOS Sanidade Pública, foron elixidos por menos do 10% dos profesionais. E os sindicatos? E a plataforma que congregou máis de 50.000 persoas en Compostela? Por que tanto sectarismo? A resposta é doada: pensemos cales son os intereses que defende o PP.