Nós, nos Xogos

[Yuri Carrazoni Mier]

O barón Pierre de Coubertin ensinounos hai exactamente 130 anos —coa fundación do Comité Olímpico Internacional— que hai soños que paga a pena perseguir e que moitas veces acaban por cumprirse. A súa grande aspiración, refundar os Xogos Olímpicos na era contemporánea, acabou tornando en realidade. Cada catro anos, atletas de todo o mundo compiten non só polas medallas, senón pola honra que supón subir ao máis alto do podio no seu deporte, e dan aos seus compatriotas motivos para sorrir e deixar de lado, aínda que for durante unhas horas, os moitos males que axexan este mundo. Mais o olimpismo, como todo nesta vida, non pode separarse da xeopolítica, e este ano, máis unha vez, veremos como se viola unha tregua olímpica que, na práctica, nunca foi máis que papel mollado. Vemos tamén como non sempre se aplican os mesmos baremos, pois Rusia e Belarús foron vetadas en París pola invasión de Ucraína co pretexto de preservar unha "misión de paz do movemento olímpico" que non parece importar cando as vítimas son palestinas. Sexa como for, o mundo enteiro ollará durante as próximas tres semanas á capital francesa nos que serán os primeiros Xogos coa mesma participación masculina e feminina e nos que o deporte galego contará coa maior representación da súa historia e buscará superar as seis medallas de Toquio. E alí, para informar do bo e do malo, como é o deber do xornalismo, estará a pé de rúa Nós Diario.