Orgullo e protesta

[Alberte Mera]

Da marxinación, represión e as máis brutais torturas a un nicho de mercado. Así pasaron de tratar grandes medios e marcas comercias as persoas LGBT, por exemplo, centrando as súas páxinas con motivo do Día do Orgullo nas persoas LGBT máis poderosas e adiñeiradas do mundo. Fóra desta data, non hai nada maís. Nos seus anuncios e nos seus contidos non cabe a violencia estrutural dun sistema heteropatriarcal que afoga as persoas que non responden ao patrón estabelecido por séculos de patriarcado. 

O pink washing avanza e a violencia non recúa. Este xornal, que ten como principio a igualdade real de todas as persoas e a defensa da diversidade, informaba onte de que agresións, ataques ou ameazas motivadas pola orientación sexual ou identidade de xénero da vítima representan xa na Galiza un de cada tres delitos de odio rexistrados na última década: 140 de 400. Unha cifra, con todo, pouco representativa xa que como indicaba o Observatorio LGBT da Galiza, tan só 10% das agresións LGBTfóbicas se acaban denunciando. 

Por iso, cómpre máis recursos á igualdade, leis que blinden dereitos duradeiros e con réxime sancionador para os delitos, cuestión que a lei galega segue sen incluír. Por iso, berra o activismo estes días: 'Orgullo é protesta' porque as conquistas non son permanentes.