Pacto ou pauto?

[Xoán Costa]

En 1983 os Cadernos da Escola Dramática Galega publican O pauto da autoría de Xesús Pisón, unha obra na que o autor loce a súa vea máis satírica para condenar o poder da Igrexa, nun texto que entronca coa tradición popular, esperpéntica e carnavalesca para realizar unha crítica social moi ácida. A obra, resumidamente, presenta en escena o bispo de Mondoñedo, preñado de dous meses,  que recibe a visita do Demo e lle ofrece asinar un pauto para abortar, a cambio da súa alma, claro: “Firma pauto comigo. Serás un home novo”. 

Poucos días antes do 17 de maio, o conselleiro de Cultura falou no Parlamento da necesidade dun "gran pacto polo galego".  

Días despois, o presidente da Xunta di estar disposto a dialogar e non "fecharse a nada", mais o "bilingüismo harmónico" ten que ser o marco para facelo. Isto é, o límite da conversa é a propia política lingüística que a Xunta da Galiza leva desenvolvendo ao longo destes anos. 

Os dicionarios galegos estabelecen diferenza entre pacto -trato entre partes- e pauto -trato feito co demo-. Despois de escoitar conselleiro e presidente, a proposta é un pacto pola lingua ou un pauto? En todo o caso, se todos os diagnósticos acreditan na pouca saúde do idioma, haberá que pensar que son válidas as palabras do Arcebispo “Aínda é hora de remedios”.