Para o pobo sen o pobo

[María Obelleiro]

Continúa a polémica ao redor do certame que entregaba o pasaporte español para Eurovisión. Unha cita cuxo slogan era "O festival que queres. O festival que ti queres", e que virou n'O festival que o xurado quixo, após desoír as preferencias do público para impor a súa elección, a da RTVE, que con este formato de competición recuperara a expectación e o favor das eurofans -e de quen non o era tanto-.

O malestar provocado polo "tongo" debe ser respondido pola dirección do ente público -lembremos que o festival foi organizado por RTVE e non por unha cadea privada-. O Consello da RTVE facer un exercicio de transparencia e explicar o porqué do apaño, cales eran os criterios de avaliación do xurado, quen e por que elixiu os membros dese tribunal, por que se impulsou unha canción cunha letra de pouco gusto e por que se rexistraron tantas incidencias no voto por sms e por chamada. Onde fica a equidade dun medio público que se financia con fondos de todas e todos? Eis unha mostra da calidade da democracia no Estado español, onde segue a quedar todo "atado e ben atado", sen ningún tipo de rubor, co fin de desvalorizar as linguas das nacións e de aldraxar a Galiza, representadas por Tanxugueiras.