Premiar ocultando
[María Obelleiro]
O Parlamento da Galiza premia hoxe a Xeración das Irmandades, tamén coñecida como Xeración do 16, aquela que impulsou a creación da revista Nós. Precisamente, o recoñecemento chega poucos meses despois de que se fixesen 100 anos da saída do primeiro número dunha publicación que foi fanada polo fascismo.
Agardamos que hoxe as deputadas e deputados lembren que os integrantes da xeración, aqueles que deron fol á revista, sufriron a represión, como Otero Pedraio e Cuevillas; o exilio, como Castelao, e mesmo morreron a mans dos fascistas, como Ánxel Casal, Roberto Torres, Camilo Díaz Baliño ou Arturo Noguerol, o xerente sen o cal a publicación non tería existido.
Aplaudimos e celebramos todo acto que homenaxee a revista Nós e as e os integrantes das Irmandades da Fala, "comopolitas, europeístas, cultas e vangardistas", como explica o comunicado do Parlamento, mais tamén pedimos dignidade, que a memoria non fique branqueada e que se fale da parte incómoda da historia dunha xeración que espallou a idea de Galiza como nación.