Opinión

Rebaixas para quen máis ten

[Alberte Mera]

Co ciclo electoral dos últimos anos presenciamos múltiples anuncios da Xunta da Galiza de "bonificacións fiscais", unhas rebaixas de taxas que non son universais. En 2023, entrou en vigor unha redución no Imposto sobre o Patrimonio, medida que favoreceu 7.646 persoas cun patrimonio superior a 700.000 euros, sen contar a vivenda habitual até 300.000 euros, e a quen en conxunto superase os dous millóns de euros. A caída estimada da recadación foi de 34 millóns.

Pola contra, a empresa público-privada Sogama, como informa hoxe Nós Diario, vén de comunicar no seu Consello de Administración que quere subir 63,6% o canon que cobra aos Concellos, é dicir, dos cartos de todas e todos nós. Vantaxes fiscais para quen máis ten, rebaixas para fortunas, pero o lixo e o seu tratamento... Aí pagamos todas e todos. 

Mais a cuestión non queda aquí. Como analiza este xornal hoxe, o Goberno español perdoou ás compañías con domicilio fiscal no Estado 140.014 millóns en 2022 a través de descontos no Imposto de Sociedades. Pola contra, os impostos procedentes das rendas do traballo aumentan o seu peso no cómputo global. 

Cada vez que se anuncia en campaña electoral unha rebaixa impositiva mire para arriba. Os precedentes indican que eses serán os únicos beneficiados dos descontos.

Comentarios