Rosario en Ferraz

[Xoán Costa]

As liberdades e os dereitos no Estado español están acarunchados; a liberdade de crenza e culto, comesta pola rela. En xullo de 2022 o Concello de Madrid negou o permiso para utilizar unhas pistas deportivas para un rezo musulmán. Era a Festa do Cordeiro, celebrada en Lavapiés desde había 18 anos. A denegación, din os convocantes, “confirma unha vez máis as políticas xenófobas e excluíntes do Concello”. 

Desde hai uns meses un grupo de persoas reúnese para rezar o rosario en Ferraz. Ninguén llelo tería prohibido se non houber eleicións e, aínda así, o TSJM revoga a prohibición acudindo á Lei Eleitoral que non permite pedir votos, nin realizar actos de campaña, nin publicar entrevistas nos medios, nin realizar e publicar enquisas na xornada de reflexión e no día da votación mais nada di de rezar polo que os cristiáns poden facelo onde e cando queiran. Os outros, non, deducimos.

Teño asistido a moitos velorios. Sempre houbo alguén que, de memoria, rezaba un rosario segundo os misterios do día. Agora vexo un vídeo do rosario de Ferraz. Precisan ler no móbil, con ostentación. Parece liberdade de culto mais é provocación. 

Con certeza, convén reflexionar, tamén á Xustiza, sobre a liberdade e a tolerancia. E pensar que, como di o refraneiro, a amar e a rezar a ninguén se pode obrigar. Tamén temos dereito á intimidade.