Saudade imperial

[Xoán Costa]

Dise que o tempo é remedio para todos os males. Cómpre matizar. Para todos menos para a saudade imperialista. Esa non ten cura. Pensemos en xullo de 1898. A prensa galega dá conta do grande número de bandeiras españolas que colgan das xanelas compostelás durante as festas do Corpus. Son un pranto pola perda das colonias de alén mar. Hoxe a Galiza está chea de bandeiras. É a cura de urxencia que se lle está a aplicar ao concepto España utilizando como apósito a selección masculina de fútbol.

Unha equipa que representa, din, a España moderna, diversa, tolerante coas crenzas relixiosas de cada quen e na que inmigración e emigración están representadas. Tal aserto, promovido desde os medios dominantes, é o reflexo saudosista dun estado centralista que falsea a realidade, que engalana con fermosas palabras o fracaso das políticas asimilacionistas e que tanto identifica Europa con Unión Europea, confundindo a xeografía coa política, como o xenocidio coa lexítima defensa. Certo que vivimos tempos en que se terxiversan os valores dos símbolos e das palabras: dísenos que lucir a bandeira española é un acto apolítico e, pola contra, lucir a galega é un feito político. Por iso equiparar diversidade e tolerancia con once mozos que xogan, moi ben certamente, ao fútbol é un enleo interesado por non dicer que é saudade imperial.