Sulfato, nitróxeno, fósforo

[María Obelleiro]

 

Canto máis se coñece sobre a fábrica de celulosa que Altri pretende instalar na Ulloa máis escandaloso resulta o apoio do Goberno galego á pasteira. Agora sabemos que no estudo de impacto ambiental, que obviamente é coñecido pola Xunta da Galiza, a empresa portuguesa recoñece que vertería ao río Ulla, do que se abastecen 11 concellos dunhas 140.000 persoas e que desemboca na ría de Arousa, unha media de 2.000 miligramos/litro de sulfatos. Só é necesario unha multiplicación polos 30 millóns de litros de auga emitida para comprobar que a pasteira expulsaría ao Ulla 60 toneladas. E non só vertería sulfato, senón tamén nitróxeno e fósforo, e é de esperar que con consecuencias para a saúde das persoas e con efectos devastadores no marisco. 

A estas alturas xa somos conscientes da magnitude dos prexuízos que suporía a instalación da celulosa, tanto a nivel ambiental como económico, mais hai quen teima en facer da Galiza unha barra libre para que as grandes compañías exploten os recursos naturais deixando destrución ao seu paso. Só hai que ver como quedaron os terreos da antiga explotación mineira de Touro, que agora o Executivo galego está disposto a reactivar. Nin sostíbeis nin bio. Nin os eufemismos nin o ‘Greenwashing’  nin a compra de vontades poden enmascarar as consecuencias nocivas deste tipo de proxectos.