Superalianza

[Alberte Mera]

Como se prevía nestas mesmas liñas no xornal de onte, finalmente houbo superalianza na Unión Europea para que todo siga igual. Conservadores, liberais, progresistas, socialdemócratas e a maioría dos verdes votaron por Ursula von der Leyen para presidir a Comisión Europea. Dous eurodeputados galegos enfrontados durante a campaña electoral presumían onte de votar a conservadora alemá. Eles son o popular Francisco Millán Mon e o socialista Nicolás González Casares, que afirmou que se impuxo a responsabilidade e parabenizou á candidata e líder do PP europeo. Ana Miranda Paz (BNG) votou en contra de Von der Leyen. Reflexionábase no editorial de onte e consumouse así, houbo superalianza das forzas que tentar afortalar unha UE en caída libre. E é que se esta UE segue sendo a dos homes de gris, do capital e dos Estados, cun parlamentiño sen capacidade de incidir politicamente e cuxa función é a de ser mercado común para enriquecemento das transnacionais... está claro que non será reformábel. Como se dicía onte, se a esquerda non transforma, a ultradereita ten vía libre. 

Na Galiza érguense iso si alternativas, desde o país, a lingua e o feminismo. Fermosa 'Mullerenaxe' a Luz Fandiño e Lola Ferreiro, entre os homes de gris destaca a luz lilá de quen nunca nos ha de faltar.