Taxa turística

[Xoán Costa]

Taxa turística. O presidente Rueda, nada proclive a autorizala, afirma que “hai que estar en igualdade con outros lugares”. Igualdade con outros lugares? Daquela, por que non se libra de peaxe a AP-9 como se fixo “noutros lugares”?

Mais, vaiamos ao caso. No Estado español cobran a taxa turística Cataluña e Baleares; Valencia tíñaa aprobada e, co goberno do PP, non chegou a entrar en vigor. Na Galiza, a proposta de estabelecer unha taxa turística para Compostela non é ben vista polo goberno galego mais o presidente da Confederación de Empresarios da Galiza, parafraseando Rueda, conclúe que se a taxa turística está establecida noutras partes, por que non se vai poder aplicar en Compostela. Sería unha cuestión de igualdade, di el. Na realidade, dicimos nós, a igualdade non ten nada a ver neste caso. É cuestión de xestión e aproveitamento de recursos, turísticos, neste caso. Se Atalaya Mining pretende explotar recursos mineiros en Touro, e a Xunta autoriza, por que non se van poder aproveitar os recursos turísticos, cando é, como neste caso, un organismo público quen os xestiona e todos nos beneficiamos? No outro caso só se beneficia o capital privado. Sinceramente, ninguén vai deixar de durmir en Compostela por ter que pagar un par de euros máis. Con taxa ou sen ela, iso nada ten a ver coa igualdade.