Trens e aforro desigual

[Alberte Mera]

Prevense longas fileiras na xornada de hoxe nas principais estacións da Galiza para facerse co bono de transporte ferroviario que supón un desconto de 100% no prezo do billete en Media Distancia e de 50% nos trens Avant. Unha medida que favorecerá o aforro de quen se despraza neste medio de transporte entre os concellos que contan con Media Distancia, principalmente as grandes cidades e vilas no eixo atlántico, pero que marxina a poboación de vilas máis pequenas e de cidades como Lugo e Ourense. Se hoxe un billete de Media Distancia Vigo-Santiago ten un custo de 9,20 euros, o Avant que une a cidade das Burgas coa capital galega supera os 17 euros.

O Goberno español estimou onte que a medida de descontos de abonos gratuítos e da redución de 50% implicará un aforro de 1.000 euros por familia, unhas contas nas que inclúe os trens de proximidade que na Galiza non existen.

Obvio que o transporte ferroviario é a mellor maneira de viaxar para coidar do planeta e abandonar o vehículo privado para o día a día sería máis que necesario. Mais o Estado volve esquecer que a Galiza nin conta co tren de proximidade e que, por exemplo, viaxar de Lugo a Santiago en ferrocarril só é posíbel mediante un tren ao día que sae ás 14.28 horas e chega á capital da Galiza ás 17.13 a un prezo só de ida de 23,80 euros.